Nota de prensa 29/05/2011
Os sons de Kibitka, por primeira vez ao vivo na Mariña.
O Cine Teatro de Ribadeo acolle o próximo domingo 29 de maio ás 21:00h o primeiro concerto na Mariña da formación máis internacional e innovadora do panorama folque galego actual. Kibitka leva oito anos cocendo unha mestura de sons que veñen de Bielorrusia, Rusia, Moldavia, Armenia, e Galiza, cun chisco de ritmos e influencias latinas e outras sonoridades.
Kibitka presenta así o seu primeiro disco, IDA HAЧAΛO, de produción propia.
Os sons expóñense sempre, coma as persoas, "á aventura dun novo hábitat", afirman. "A música non é moi amiga de sentirse pechada entre paredes, tende a espallarse e a fuxir no vento, a reclamar a súa liberdade polos camiños". Así, poderemos evocar antigas danzas e o pasado das xentes que habitaron Bulgaria e Macedonia, mergullarnos nas notas do acordeón solitario, viaxar ao Paraíso que existiu en Armenia, bailar seguindo o eco dos violíns e a gaita de Moldova, e ao volver para casa, escoitarmos como ouvean os lobos nas montañas do Courel.
Esta mestura de sons que tece Europa de punta a punta coma unha tea de araña musical conta con:
- Ana Abeledo ao clarinete e lixas;
- as voces son de Vadim Yukhnevich –acordeonista- e Andrey Volodin, quen tamén pon a guitarra;
- a violinista Tania Capón,
- Danilo Ramos ao tres cubano e aos teclados,
- Antonio Vázquez á batería e percusións,
- Yuri Sidar no baixo electroacústico
- e Manolo Panforreteiro na gaita galega, whistles, trompa, ocarina e melódica.
O vestiario é de Maria Chenut, a iluminación de Fidel Vázquez e o son de Ramón Campos.
BIOGRAFÍA
Kibitka vén de países e latitudes diferentes, percorreu camiños de Moscú a Santa Clara e naceu en Lugo baixo o nome de Nómada nos primeiros anos da década do 2000.
As viaxes, as músicas e os lugares comúns propiciaron encontros fortuítos entre estes oito músicos de dilatada experiencia e ecléctica bagaxe. Co tempo os encontros cristalizaron nun proxecto común: falar de sons en viaxe, quebrar distancias e revelar afinidades entre universos que supoñiamos afastados e en confrontación.
A elaboración do repertorio e da propia concepción musical de Kibitka foi un traballo profundo, prolongado e madurado lentamente. A formación foise consolidando durante ese tempo, o repertorio ampliouse, comezaron os primeiros concertos e no ano 2008 Kibitka asume a gravación e produción do seu primeiro disco: IDA HAЧAΛO. Para este primeiro traballo Kibitka reúne un equipo artístico completo: iluminación, escenografía, deseño gráfico, vestiario, textos, movemento e son. Con esta concepción integradora do coidado dun producto escénico Kibitka realiza unha residencia artística na Sala Nasa de Santiago de Compostela e alí estrea o seu primeiro espectáculo-concerto en abril do 2009.
Na actualidade Kibitka traballa na produción do seu segundo disco.
Síguenos en: